miércoles, 10 de marzo de 2010

IN MEMORIAM DO TOÑITO “O GATO”



Ahora descienden a tus cumbres/ garras de águila. Dies irae.
Lo doloroso no es morir/ Dies illa acá o allá,/ sino sin gloria…
(Jose Hierro)


Morreu o tendeiro de Marcelín, o último gato, xa nunca imos ser catro, porque a ausencia non suma senón na soidade, seremos pois tres na colleita dos días.
Entre as augas do Mente e o Limia naceu e criouse brasileiro este ourensán, sen máis misterio que as súas sete vidas regaladas, as súas sete vidas gastadas, os seus sete días, sete, sen semanas, sen samba, nin entroido, nin saber moi ben porque cabalgaba tan lonxe de todos os sans vicios que no sangue o chamaban. Foi xogador, mullereiro e pendenciero no humilde espazo dunha aldea sen casino. Coidou á súa nai ata a morte, acompañou ás súas irmás a clausura e abriu unha “pulpería” na pampa crebada de castiñeiros e abismos que o cercaban.
Botou Marcelín ao lombo no que conta: o progreso, montou un bar sen apenas parroquia, cambiou o cabalo por unha moto e casou con dúas mulleres e o traballo aínda que só a unha delas amaba, a modernidade marca o prezo na etiqueta.
Tecedoras de eternidade a Florentina e mais a Maruxa chórano, os demais acompañámolas, do enterro encargouse unha compañía de Seguros, Reaseguros e Decesos, calquera, o mesmo dá que dá o mesmo, a pena é que non puido exercer el do que foi e enterrarse cabal e por enteiro.
Que Deus o teña na súa gloria e en con el todos os que ala van.

6 comentarios:

  1. Era un hombre anónimo, de una aldea anónima, pero el anonimato no lo exime de su naturaleza universal.
    En su ausencia se abre un roto irremediable, porque con él se merma un pueblo, se extingue una raza, se silencia un poco más el silencioso rural.

    ResponderEliminar
  2. Non era iste gato rapiñeiro, polo que vexo, senón home sociable e agarimoso; a prova e que agarimou a dous mulleres cando ven de seu levarse a mal con elas..
    Acompaño a vostede no desexo de que se tope no sitio que poida topar e que siga a faer amistades.
    A veces unha soa persoa e un capital humán inesquecible.
    Noraboa por ter tan bos amigos.

    ResponderEliminar
  3. No sitio que mellor poida topar, debín dicir...

    ResponderEliminar
  4. Mórrese a aldea nas mans quedas de homes como este, a aldea e a memoria, tamén a amizade, tamén o agarimo, morremos todos un pouco.
    Ben merece o Toñito un espazo neste mundo tan afastado dos seus soños aventureiros, el non era dixital era analóxico, tiña as súas cousas, quen non as ten, e agora ten tamén os seus bos desexos, que máis se pode pedir para un bo home que o san verbo dun home bo.
    Infinitas grazas amigo no meu nome e no do ausente.
    Reciba un fraternal abrazo.

    ResponderEliminar
  5. Mórrense as aldeas...
    Dicen que a xuventude retorna debido a crise..Non é bó que eso suceda, debería ser algo deseado, necesario para o equilibrio da mente desta sociedade atolada. Poucas veces asomo pola aldea, pero é uhna gozada cheirar o aire fresco, ollar a estrelas por centos de miles, incontables...contemplar as augas do río Buble, que descende pra se topar co Támega e xuntos seguir camiño o seu destino final...perderse no mar. Metáfora das xentes que o sair da aldea incrústamonos nunha vida impersonal a mais das veces, un mar de soidade.
    Einda non é o caso deste Ourense noso que é unha cidade chea de aldeanos. Afortunadamente.
    A qué ven esta perorata? Non sei, iluminoume o falar do Mente e do Limia.
    Disculpeme.
    Saudos.

    ResponderEliminar
  6. É Vostede un poeta, e os ríos son poesía en movemento, non en balde vano impregnándoo todo da súa fluvial poética, da súa épica, do seu proverbial xeito de namorar as paisaxes e as almas.
    A aldea vive e viviu como espazo non tanto de derrota como de cura, de bálsamo en definitiva para os corazóns aventureiros en retirada para iniciarse na aventura da comuñón coa terra, co latexar das tardes e a explosión das mañás…
    Fermosa reflexión amigo.
    Recibe un fraternal abrazo.

    ResponderEliminar